Visit Citebite Deep link provided by Citebite
Close this shade
Source:  http://www.xornal.usc.es/acontece.asp?p=11240
portada do Xornal   






O embaixador de Chile dona á Biblioteca América da USC un busto do prócer Bernardo O'Higgins


USC. Gabinete de Comunicación

 O embaixador de Chile en España, Enrique Krauss, entregou esta mañá á Universidade de Santiago un busto do prócer da independencia chilena Bernardo O'Higgins (1778-1842). Ao acto, que se desenvolveu na Biblioteca América emprazada no Colexio de Fonseca, asistiron, ademais do embaixador, o reitor Senén Barro, o presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, e a profesora de Historia de América da USC, Pilar Cagiao.

Con esta doazón, subliñou o reitor Senén Barro, o país chileno súmase á celebración na USC deste ano "dedicado a fortalecer os lazos da institución cos países de Iberoamérica a través do programa 'Os Camiños da USC en América'". No mesmo senso manifestouse o embaixador Enrique Krauss, para quen a presenza de Chile na USC nestas datas tan relevantes é "de vital importancia por terse impregnado o fundador da República de Chile, Bernardo O'Higgins, dos principios da Ilustración europea que sentaron as bases da independencia de Chile". Para Manuel Fraga, a Biblioteca América da USC enriquécese aínda máis con este busto do pai da patria chilena, "ao que lembramos de novo como home culto e heroico".

A Biblioteca América, fundada oficialmente o 26 de xullo de 1926, posúe na actualidade preto de 30.000 volumes bibliográficos ademais de publicacións periódicas e numerosas pezas de interese etnográfico e cultural que a convirten nunha das bibliotecas museo máis destacadas de España e de Europa no seu xénero.

Bernardo O'Higgins
Bernardo O'Higgins naceu o 20 de agosto de 1778. Cursou os seus estudos en Europa, e en Inglaterra coñeceu a Francisco Miranda, que o entusiasmou coas súas ideas sobre a independencia americana. En 1802 retornou a Chile debido ao falecemento do seu pai. Rapidamente integrou os grupos que propiciaban a liberdade da súa patria, e en 1811 representou a Concepción ante o primeiro Congreso Nacional. En 1813 mostrou a súa vocación militar ao participar en varios combates contra os realistas enviados polo vicerrei do Perú, Fernando de Abascal.

Anos despois, en Chacabuco, foi nomeado director supremo por un cabido aberto. Entón, dirixiu unha campaña contra os realistas no sur do país e fixo xurar solemnemente a independencia de Chile o 12 de febreiro de 1818, en ocasión do primeiro aniversario da batalla de Chacabuco. Foi ferido e derrotado xunto a San Martín en Cancha Rayada, pero o inmediato triunfo deste en Maipú, en abril de 1818, asegurou a independencia chilena.

Apoiou decididamente o plan de liberación do Perú ideado por San Martín. O seu goberno foi progresista e seguindo as tendencias do despotismo ilustrado. A oposición política creceu favorecida pola situación económica deteriorada e a guerra contra os araucanos. Ao sancionarse a nova Constitución de 1822, pola que se prorrogaba o seu mandato por 10 anos, a súa autoridade foi ignorada polo Exército do Sur, ao mando de Ramón Freire. Ante a posibilidade de que estoupase unha guerra civil, preferiu renunciar ao mando en xaneiro de 1823. Dende entón ata a súa morte, ocorrida o 24 de outubro de 1842, viviu exiliado no Perú





A Comisión de Normalización Lingüística da Escola de Relacións Laborais presentouse no centro e adiantou o programa de traballo para os vindeiros cursos


USC. Gabinete de Comunicación

 Os membros da Comisión de Normalización Lingüística da Escola de Relacións Laborais realizaron a pasada semana unhas charlas de presentación aos alumnos de 1º, 2º e 3º curso nas que, ademais de darse a coñecer, informaron do programa de traballo para os cursos 2003-2004 e 2004-2005.

Coa idea de que unicamente a mobilización e implicación dos alumnos pode permitir avances no proceso de normalización, aproveitouse para informarlles da existencia dun enlace na páxina web da Escola así como dun enderezo de correo electrónico propio da Comisión e a disposición de todos os membros da comunidade universitaria do Centro, e moi particularmente dos alumnos





A Cátedra Unesco de Cultura Luso-Brasileira organiza unha xornadas sobre Timor


USC. Gabinete de Comunicación

 As xornadas 'Presenças da lusofonía. Timor entre nós' desenvolverase na USC os días 31 de marzo e 1 de abril co obxecto de propiciar unha aproximación á realidade cultural de Timor. Esta iniciativa está organizada pola Cátedra Unesco de Cultura Luso-Brasileira, que coordina o profesor José Luis Rodríguez.

O programa destas xornadas comezará mañá mércores, día 31, coa conferencia que pronunciará Luis Cardoso, considerado o primeiro romancista timorense, titulada Literatura e Cultura de Timor. Esta conferencia terá lugar a partir da 17:15 horas na Facultade de Filoloxía. Posteriormente, a partir das 20:00 horas na librería A Palabra Perdida, o propio Luis Cardoso presentará o seu libro A última Morte do Coronel Santiago.

Na sesión do xoves, día 1 de abril, terá lugar a proxección do documental 'A lingua portuguesa en Timor' e un concerto con Domingos Santos e o grupo Lemorai. Ambas as dúas actividades desenvolveranse a partir das 12:00 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación.

Luís Cardoso
Luís Cardoso naceu en Cailaco, vila no interior de Timor. Iniciou os seus estudos en colexios misioneiros e nun seminario. Xa en Portugal, a partir de 1974, gradúase en Silvicultura no Instituto Superior de Agronomía de Lisboa. Entre 1992 e 1996 asumiu o cargo de representante en Portugal do Conselho Nacional da Resistência Maubere, e desenvolve actividades ligadas á divulgación da cultura maubere e á comunidade timorense en Portugal, entre outras. É autor tamén de Crónica de uma Travessia (1997)



O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 5 de abril


A USC convoca 14 prazas de intercambio con diferentes Universidades de Suíza


USC. Gabinete de Comunicación

 A Universidade de Santiago convoca 14 prazas de intercambio para estudantes con diferentes universidades de Suíza para o vindeiro curso académico 2004-2005. O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 5 de abril, pudendo consultar as bases da convocatoria así como descargar as solicitudes da páxina web do Gabinete de Relacións Exteriores, http://www.ti.usc.es/exteriores.

Do total de prazas ofertadas, a Universidade de Neuchâtel oferta tres, dunha duración de 5 meses cada unha, coordinadas polo profesor da Facultade de Filoloxía, Fernando Cabo. Para a Universidade de Zürich ofértanse dúas para estudantes de Económicas e/ou Dereito, por un ano académico, coordinadas polo profesor Francisco Javier Sanjiao Otero, e outra praza, igualmente por un ano académico, coordinada pola profesora da Facultade de Filoloxía Pilar Lorenzo Grandín.

Para a Escola Politécnica de Lausanne convócanse dúas prazas, por un período de seis meses cada unha, coordinadas polo profesor da Facultade de Física, Francisco Ares. Pola súa banda, na Universität Basel ofértanse tres, dúas dun ano académico de duración cada unha coordinadas pola profesora de Filoloxía Elvira Fidalgo, e outra de tres meses de duración e dirixida a estudantes de Terceiro Ciclo ou Doutoramento, coordinada polo profesor de Farmacia, José Blanco Méndez. Finalmente, con destino na Université de Genevé ofértanse tres prazas para estadías dun ano académico, dúas coordinadas polo profesor de Filoloxía Fernando Cabo, e unha polo profesor de Bioloxía Juan F. Barja.

Para participar nesta convocatoria, dirixida aos alumnos da USC, as persoas interesadas deberán presentar a solicitude acompañada dunha fotocopia do DNI, copia do Certificado Académico, unha copia da folla de matrícula e un certificado de idiomas





Éxito de participación e organización no I Trofeo Escolar 'Campus Sur' de Orientación e na décima xornada da Liga Galega


USC. Gabinete de Comunicación

 O I Trofeo Escolar 'Campus Sur' de Orientación disputado esta pasada fin de semana no Campus Sur e na Alameda de Compostela, resultou un éxito de participación e de organización. O Torneo estivo organizado polo Club Deportivo Universidade de Santiago-Amancio Deportes, a USC e a Asociación Galega de Clubes de Orientación.

Na competición, dirixida aos alumnos de ESO, Bacharaleto e Ciclos Formativos dos centros de ensino do Concello, competiron un total de 150 mozos en diferentes categorías.      

Na categoría infantil feminina resultaron premiados: 1ª Laura Rey, do Colexio Divino Maestro; 2ª Rita Bello, do Colexio Divino Maestro; e 3ª Dolores Taboada, do San José de Cluny.

Na categoría infantil masculina: 1º Daniel Lérez, do IES Xelmírez II; 2º Pablo Sanabria, do San José de Cluny; e 3º Juan M. Piñeiro, do IES Xelmírez I.

Na categoría cadete feminina: 1ª Natalia Rodríguez, do IES Xelmírez II; 2ª Sara Míguez, do Divino Maestro; e 3ª María Cebro, do San José de Cluny.

Na categoría cadete masculina: 1º Ignacio Salgado, do IES Xelmírez II; 2º Rubén Moreira, do Divino Maestro; e 3º Diego Quiñoy, do San José de Cluny.

Na categoría xuvenil feminina: 1ª Verónica Boo, do IES Xelmírez II; 2ª Melania Ramos, do IES Xelmírez II; e 3ª María Rosa Pichel, do IES Xelmírez II.

Na categoría xuvenil masculina: 1º Javier Nieto, do IES Xelmírez II; 2º Jesús Balo, do IES Xelmírez II; e 3º Ángel Nieto, do IES Xelmírez II.

Por equipos, o IES Xelmírez II venceu nas categorías xuvenil feminina e masculina e na cadete feminina. O Divino Maestro venceu nas categorías cadete masculina e infantil feminina e o IES Xelmírez I venceu na infantil masculina.

XIII Liga Galega de Deporte de Orientación
Ademais do I Trofeo Escolar 'Campus Sur', Compostela acolleu a décima xornada da XIII Liga Galega do Deporte de Orientación organizada polo CD Universidade de Santiago-Amancio Deportes. Nesta nova xornada da liga regular participaron un total de 180 deportistas dos que resultaron vencedores os seguintes: na categoría sénior feminina venceu María del Mar Torrón do Club Fluvial de Lugo. Na sénior masculina gañou Alberto Asensio do Universidade de Vigo. En veterán masculino gañou José Sancosmed de Ártabros e en categoría feminina venceu Concepción González do Fluvial.

A combinación das dúas probas, tanto a xornada ligueira como o trofeo escolar, encheu o Campus Sur e a Alameda de Santiago dun espectáculo deportivo para deportistas de tódalas idades





Conferencia sobre os paxaros comúns de Galicia


USC. Gabinete de Comunicación

 O Colexio Maior Rodríguez Cadarso acollerá mañá mércores, día 31, a conferencia de Cosme Damián Romay Cousido, membro da Asociación Ecoloxista Oureol, titulada Paxaros comúns de Galicia.

A conferencia desenvolverase no Salón de Actos do Colexio a partir das 21:00 horas. Logo da conferencia proxectarase a película 'Nómadas do Vento' na Sala da TV do centro





As Áreas de Información Xuvenil da USC tramitan a inscrición de universitarios no Programa Urbis en Santiago


USC. Gabinete de Comunicación

 A Área de Información Xuvenil da OSIX dos Campus de Santiago e Lugo tramitarán, a partir do vindeiro 1 de abril, a inscrición na segunda edición do  Programa Urbis que, convocado pola Dirección Xeral de Xuventude, se desenvolverá na cidade de Compostela no mes de maio.

O programa consiste nun retroceso no tempo e, nesta ocasión, coma na anterior, non só haberá que desenmascarar a realidade encarando distintos retos senón que haberá que facelo sempre mellor e máis rápido có resto de competidores. Para superar as probas, que se celebrarán do 3 ao 7 de maio sendo a final o día 8, é necesario camiñar en grupo de 5 a 7 compoñentes, todos eles de idades comprendidas entre os 18 e 30 anos. A cuota de participación é de 48€ por equipo, cun desconto do 25% no caso de que algún dos membros do equipo sexa titular dos carnés Xove ou Mais.

O primeiro premio do certame consistirá nunha viaxe de cinco días a Budapest, mentres que o segundo será a Sevilla e o terceiro unhas tarxetas regalo para gastar nun mercado





Dispoñible en rede o número 3 do boletín "USCalidade"


USC. Gabinete de Comunicación

 O vicerreitorado de Calidade e Planificación Estratéxica vén de editar o número 3 do boletín USCalidade, publicación que ten como finalidade transmitir á comunidade universitaria e á sociedade en xeral as accións que no marco da mellora da calidade se están acometendo na institución docente compostelá así como noutras universidades.

Os contidos deste novo número artéllanse en torno a informacións relativas á calidade universitaria, calidade e planificación estratéxica na USC, opinión, entrevista e dossier de prensa.

No editorial titulado "A USC Emprendedora" sinálase como a USC está desenvolvendo unha importante labor de conexión entre o contorno académico e o sector productivo. Na sección de entrevista, Carme Pampín, doutora en Química Orgánica formada na USC, explica o proceso de creación da primeira empresa nacional dedicada á fabricación de productos químicos a medida para as industrias químicas e farmacéuticas.

USCalidade pódese consultar no enderezo: http://www.usc.es/~calidade/doc/e-boletin%20marzo%202004/index.htm





O Consello de Goberno da Universidade de Santiago aproba os orzamentos para o presente ano 2004


USC. Gabinete de Comunicación

 O Consello de Goberno da Universidade de Santiago aprobou na xuntanza celebrada hoxe o orzamento da USC para o presente ano 2004. O orzamento aprobado, que supón a concreción para este exercico do Plan de Equilibrio Económico e Financeiro ratificado polos órganos colexiados da institución con competencia nesta materia, permitirá posicionar á Universidade nunha situación de forza e lexitimación de cara á negociación dun novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego, "esceario no que concretar e facer realidade as necesidades financeiras da Universidade para a realización das súas funcións docentes, investigadoras e de prestación de servizos, apostando pola calidade en todos os seus ámbitos de actuación", tal e como se indica no texto aprobado.

Deste xeito, o orzamento aprobado ascende a 187,09 millóns de euros nos seus estados de ingresos e gastos, o que supún un incremento respecto á previsión inicial do exercicio 2003 do 2,30 por cento. Este incremento estaría motivado exclusivamente polo aumento do custe do cadro de persoal e dos recursos asociados á investigación.

Segundo o documento aprobado hoxe polo Consello de Goberno, o orzamento da USC para 2004 prioriza e dá resposta a unha serie de eixes estratéxicos como son manter e intensificar, na medida do posible, o esforzo das áreas de docencia, investigación, calidade, tecnoloxías da información e as comunicacións e necesidades básicas no ámbito de persoal. Ademais, estes orzamentos deberán permitir seguir facendo esforzos en materia de reparacións, renovacións e mellora dos edificios coa finalidade de facer fronte, sobre todo, ás necesidades relativas a seguridade e saúde laboral.

O documento aprobado contempla ademais a inclusión nas contas institucionais dos créditos que garantan o financiamento necesario para que os proxectos de infraestruturas que a USC ten en marcha poidan ser unha realidade no presente ano. Outros dos puntos sobre os que se apoian estes orzamentos serán os de garantir que os servizos á comunidade universitaria e a extensión cultural poidan seguir afondando nunha maior calidade de vida nos campus, ou implementar mediante o orzamento programas que introduzan ás unidades estruturais na cultura de asociar recursos recibidos a obxectivos, coa finalidade de afondar nunha asignación máis eficiente deles e a súa correspondencia cos obxectivos da institución.

Outros asuntos
Nesta xuntanza, o Consello de Goberno tratou ademais o regulamento electoral xeral, o calendario académico 2004-2005, o límite de prazas para o vindeiro curso académico, e as normativas de concesión de licencias de anos sabáticos e para a contratación de profesores eméritos e de traballos técnicos na USC,

A orde do día do Consello complétase coa modificación de materias optativas nos planos de estudo de Filoloxía Hispánica e de Traballo Social así como da convocatoria de estadías en centros de investigación, a adscrición da titulación propia de Graduado Superior en Enxeñería Ambiental á Escola Técnica Superior de Enxeñería, a avaliación docente de 2003 e a renovación da Comisión do Arquivo Universitario


 

arriba

Portada  /  Acontece  /  Resumo de prensa  /  Axenda  /  Investigación  /  Opinión

Publicacións  /  O taboleiro  /  Quince días  /  Buscador