Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2008.-
O Consello da Xunta de Galicia deu hoxe o seu visto e prace ao Proxecto de
Lei de Pesca de Galicia, que derrogará a norma vixente de 1993. A nova lexislación regulará, nun
único texto, todas as materias marítimo-pesqueiras que son competencia da Comunidade Autónoma.
Deste xeito, o sector pesqueiro poderá dispoñer dun único texto con rango de lei que será un
instrumento áxil, dinámico e de fácil manexo e comprensión, que sentará as bases para que a
actividade pesqueira siga sendo unha das máis importantes, durareiras e viables da nosa economía.
Así mesmo, servirá para que a pesca en Galicia se poida xestionar tendo en conta as persoas, a
economía e o respecto polo medio ambiente e polos recursos.
A nova lei regula a conservación e xestión dos recursos pesqueiros e
marisqueiros; a pesca marítima profesional e a de lecer; o marisqueo; a acuicultura mariña; a frota
pesqueira galega; os axentes do sector pesqueiro galego; a comercialización, transformación e
promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura; o desenvolvemento sustentable das
zonas de pesca; a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación; a formación
marítimo-pesqueira; a inspección e o control; os rexistros e o réxime sancionador.
A nova lexislación naceu do compromiso adquirido polo novo Goberno galego
de deseñar un texto normativo de ordenación do sector pesqueiro que eliminase trabas burocráticas e
que fose o suficientemente xenérico e amplo. Ademais, o texto tivo en conta ao sector a través
dunha consulta aberta que se iniciou en xaneiro de 2007 coa creación dun Buzón de Suxerencias na
web oficial do departamento de Pesca. Así, no actual proxecto recolléronse algunhas das achegas
realizadas polos profesionais do mar, ben por acción (incorporando as suxestións que fixeron) ou
por omisión (eliminando cuestións da normativa vixente coas que non estaban de acordo porque lles
dificultaba o seu traballo).
Simplificación normativa
O Proxecto de Lei de Pesca de Galicia regula a lexislación básica da
comunidade autónoma en materia de pesca e, polo tanto, derrogará as cinco leis que, na actualidade,
rexen a actividade pesqueira: Lei de pesca de Galicia (1993), Lei de confrarías de pescadores, Lei
pola que se crea o Servizo de Gardacostas, Lei de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control
do Medio Mariño de Galicia e a Lei de protección, control, infraccións e sancións en materia
marítimo-pesqueira.
Así mesmo, recolle o escenario internacional, europeo e estatal actual,
así como a nova realidade galega que mudou considerablemente dende hai 15 anos, cando se aprobou a
norma vixente do ano 93. A proposta legal tamén incorpora referencias á normativa básica estatal
como a Lei 3/2001, de 26 de marzo, de Pesca Marítima do Estado, e toma preceptos da Política Común
Europea de Pesca, que fixou un novo marco de xestión e explotación sustentable dos recursos
pesqueiros. Tamén recolle unha parte importante dos principios inspiradores do Código de Conducta
de Pesca Responsable da FAO que, aínda sendo voluntario, a súa aceptación é froito do consenso dos
países que integran este organismo internacional.
O Proxecto de Lei de Pesca de Galicia estrutúrase en 14 títulos, dez
disposicións adicionais, sete disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e catro
disposicións derradeiras.
Novidades da nova Lei de Pesca
Entre as novidades que incorpora o Proxecto destacan a proposta dunha
cultura do seguro no sector, algo que xa vén sendo desenvolvido a través de distintas accións polo
departamento que dirixe Carmen Gallego. Esta nova concepción do seguro servirá como un instrumento
que incida directamente na seguranza marítima, na conta de resultados das empresas e nunha
cobertura das posibles situacións imprevistas que poidan acontecer.
Ademais, tamén é de destacar que para o marisqueo a pé se prevé a
posibilidade de que as organizacións sectoriais accedan a concesións administrativas na zona
marítimo-terrestre, algo que ata o de agora só estaba reservado aos cultivos. Así mesmo, o novo
texto contempla a figura das áreas mariñas protexidas, áreas de acondicionamento mariño, áreas de
repoboación e as reservas mariñas, nas que a participación dos sector é fundamental e básica para
poñelas en marcha.
Implantación das licenzas profesionais
Continuando coas novidades, o Proxecto incorpora tamén o establecemento de
censos por modalidades, pesquerías, e caladoiros; e recolle por vez primeira, dentro da regulación
da pesca marítima, a figura da licenza de pesca profesional, desaparecendo así da nosa lexislación
o permiso de explotación. Esta licenza terá unha duración indefinida, e estará ineludiblemente
ligada á embarcación e á asignación de posibilidades de pesca a través da identificación da
modalidade autorizada. Tamén se inclúe no novo texto a figura do permiso de pesca especial que terá
un carácter temporal.
En canto ao marisqueo, créase unha licenza para esta actividade, en lugar
tamén do permiso de explotación, distinguíndose entre marisqueo a pé e dende embarcación, e
cun prazo de vixencia de cinco anos. Deste xeito, os mariscadores e
mariscadoras non terán que renovar o seu permex anualmente, como están a facer na actualidade. Esta
modificación redundará nunha mellor planificación das actividades e das estruturas produtivas
vinculadas ao marisqueo, ao conferir unha maior proxección temporal no exercicio da
actividade.
Por outra banda, a proposta aprobada no Consello da Xunta establece tamén
solucións para que determinados segmentos da actividade marisqueira deixen de ter as limitacións de
potencia dos motores que tiñan ata a data, respectando sempre a normativa europea.
Órganos de participación do sector
No tocante ás organizacións do sector, a Lei regula a participación das
confrarías, das organizacións de produtores, as cooperativas do sector do mar, as organizacións
sindicais e outras entidades asociativas. Neste punto, introduce políticas de igualdade entre homes
e mulleres que se dedican á actividade regulada neste texto legal. Trátase de medidas que teñen
unha plasmación directa e concreta no establecemento de criterios de igualdade na configuración dos
órganos de dirección das confrarías de pescadores. Así mesmo, o Proxecto de Lei regulará, por
primeira vez nun texto con rango de lei, o funcionamento do Consello Galego de Pesca.
O texto normativo promove, así mesmo, novas fórmulas de xestión das zonas
costeiras galegas coa creación da Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca e o
Turismo Mariñeiro. Deste xeito, séguese a filosofía do eixo prioritario nº 4 do Fondo Europeo da
Pesca (2007-2013).
A Axencia Galega de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca será o
instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e coordinación do desenvolvemento
das zonas costeiras galegas, para mellorar as condicións de vida dos profesionais do mar e das
poboacións costeiras. Entre os seus obxectivos figuran a elaboración de estratexias e plans
integrados de coordinación de actuacións nas zonas costeiras; a difusión das políticas e medidas de
desenvolvemento costeiro; a dinamización e coordinación dos grupos de acción costeira vinculados á
política de desenvolvemento da pesca, o marisqueo e a acuicultura; ou o impulso da formulación por
parte destes grupos de iniciativas e programas de desenvolvemento e diversificación das actividades
propias do sector.
En canto ao turismo mariñeiro, estipúlase que terán a consideración de
actividades deste tipo, entre outras, as de pesca turismo –desenvolvidas a bordo de
embarcacións pesqueiras dirixidas ao coñecemento, valorización e difusión do traballo dos
profesionais do mar-; as rutas guiadas; as casas de turismo mariñeiro; ou as de promoción e posta
en valor da gastronomía mariñeira.
É de destacar tamén que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos plasmou
no Proxecto, no tocante á protección dos recursos, mecanismos máis áxiles e eficaces para a loita
contra a pesca ilegal, establecendo os medios humanos e materiais necesarios, tanto para a
inspección como para a vixilancia. Deste xeito, o novo texto, cambiará a denominación do Servizo de
Gardacostas, polo de Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, que terá entre as súas funcións
e labores os de inspección, vixilancia, loita contra a contaminación e salvamento. Por último,
tamén é de sinalar que o texto recolle a extinción do Intecmar como ente de dereito público,
pasando a formar parte novamente da estrutura orgánica do departamento do Goberno galego.
Concesións das bateas
En relación ás concesións das bateas, o artigo 62 do proxecto, pertencente
ao título V que regula a acuicultura mariña, establece que as concesións de actividade na zona
marítima outorgaranse por un período máximo de dez anos. Estas poderanse prorrogar por períodos
iguais, ata un máximo de trinta anos, unha vez que o solicite a persoa concesionaria.
En canto aos criterios de outorgamento das concesións, o texto aprobado
hoxe no Consello da Xunta establece que se concederán previo procedemento de concurso público que
estará presidido polos principios de obxectividade, equidade, publicidade, concorrencia e
transparencia. Por último, o baremo que rexerá o concurso público ao que saian as concesións no
suposto de extinción “valorará preferentemente” ter sido titular dunha autorización
para o exercicio de acuicultura mariña en zona marítima no mesmo subsector de actividade; ter
exercido habitualmente a explotación dunha concesión deste tipo; a experiencia no desenvolvemento
desta actividade por parte dos particulares e empresas solicitantes; así como a adecuación a
criterios técnicos, sanitarios e ambientais que se determinen.
O seguinte artigo, que aborda a transmisión das concesións, contempla a
posibilidade da transmisión “mortis causa” destas e, nos supostos de cesión por actos
“inter-vivos”, deberá favorecerse a integración económica e social do sector.
Este título conta co respaldo da comisión representativa do sector
mexilloeiro, coa que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimo se reuniu en diversas ocasións para
acadar un texto consensuado.
Sancións
O novo texto tamén establece o réxime sancionador, que divide as
infraccións en leve, graves e moi graves, prevendo a imposición de multas que van dende os 60 aos
300.000 euros ou a inhabilitación para o exercicio da actividade.
Procedemento para a aprobación definitiva da nova Lei de Pesca
A nova norma, elaborada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos,
chegou ao Consello da Xunta despois do debate coas entidades e organizacións do sector pesqueiro,
tras ser analizado polo Pleno do Consello Galego de Pesca, e logo da súa publicación na web oficial
do departamento autonómico para atender ás achegas e alegacións. Ademais, o proxecto foi remitido a
diferentes consellerías e tamén ás direccións xerais da Función Pública e de Orzamentos, así como á
Asesoría Xurídica Xeral, entre outras administracións. Finalmente, solicitouse o ditame ao Servizo
Galego de Promoción e Igualdade do Home e da Muller e ao Consello Económico e Social de
Galicia.
Tras a súa aprobación por parte do Goberno galego, o Proxecto de Lei
pasará a ser debatido no Parlamento para a súa aprobación por parte dos deputados da Cámara. Unha
vez teña o visto e prace do hemiciclo, a Lei de Pesca de Galicia sairá publicada no Diario Oficial
de Galicia (DOG) e entrará en vigor no prazo de seis meses, contados a partires da súa publicación
no boletín autonómico. En todo caso, isto non se aplicará no caso da Axencia de Desenvolvemento
Sustentable das Zonas de Pesca que prevé a norma, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa
publicación no DOG.
|